As vacacións de Semana Santa están á volta da esquina. E as familias que viven no Milladoiro teñen a sorte de poder optar por unha ampla oferta de actividades para que os seus fillos e fillas estean ocupados e entretidos no período vacacional, entre os días 21 e 28 de marzo.
Primavera Lúdica é o programa de conciliación do Concello de Ames para estas vacacións, dirixido ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Educación Primaria. Inclúe unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para que aquelas familias que o precisan poidan conciliar os seus horarios de traballo co coidado dos menores no tempo libre da Semana Santa.
O profesor Nanómetro e a profesora Microscópica teñen xa todo preparado para dirixir a Expedición Diverciencia, unha expedición que vai asegurar ás familias atender os compromisos de traballo durante as vacacións escolares, mentres os seus fillos e fillas realizan unha viaxe divercientífica, a través da astronomía, as matemáticas ou a bioloxía, mediante xogos psicomotrices, actividades plásticas e experimentos, dirixidas por Nanómetro e Microscópica.
O programa municipal oferta o servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e o de comidas, para recoller aos pequenos antes das 16.00 horas. En caso de non necesitar servizo de almorzo e comida, o horario das actividades será das 9.00 ás 14.30 horas.
Estas actividades desenvolveranse na Escola Infantil, Casa da Cultura e pavillón do Milladoiro, tres infraestruturas que están ao carón das nosas vivendas, na Travesía do Porto. Máis cómodo, imposible!!
Na foto, facilitada polo Concello, vemos a escolares participando nos programas de conciliación de anteriores edicións.