A demanda inmobiliaria crece, a oferta sigue restrinxida, hai interese de moitos inversores e hai máis financiación e máis barata, segundo se puxo de manifesto no Congreso Nacional de Promotores Inmobiliarios, celebrado en Madrid os días 5 e 6 de outubro.

O obxectivo do encontro, convocado baixo o título Da recuperación á innovación, era visibilizar que o sector promotor de vivendas evolucionou e está disposto a enfrontar o novo ciclo económico reconvertido nunha industria moderna, eficiente, sostible e responsable.

Durante dúas xornadas abordaronse cuestións como os factores que van marcar o novo ciclo económico en España e como van influir no mercado da vivenda, así como outros aspectos directamente relacionados co cambio e a innovación na propia industria inmobiliaria, desde a organización empresarial ata o proceso construtivo.

Tamén se analizaron algúns dos desafíos que se deben superar para conseguir normalizar a actividade. Entre estes retos, o que máis preocupa é o de facilitar o primeiro acceso á vivenda a quen desexe formar un fogar. "Non se está tratando de xeito suficiente a necesidade de crear un parque de vivendas axeitado para a demanda máis nova", recoñecía o presidente da Asociación de Promotores Constructores de España, Gómez-Pintado, no seu discurso inaugural.

O presidente dos promotores recoñeceu tamén que a industria inmobiliaria necesita da colaboración da Administración Pública para impulsar un sector máis accesible e sostible que permita consolidar a recuperación. Reclamou maior axilidade na concesión de licenzas e menor carga fiscal ao proceso produtivo e comercial das vivendas, lamentando que os impostos supoñan ata o 25% do prezo dunha casa.

Ignacio de la Torre, socio de Arcano Group, resumíu a bonanza do contexto con estas verbas: "a demanda crece, a oferta sigue restrinxida, hai interese de moitos inversores, hai máis xente traballando, máis financiación e máis barata e menos stock".

Foron dous días de congreso, ao que asistiron máis de 500 profesionais, no que a mensaxe subiacente foi que "o sector vive un momento doce".

 

Comentar