Como lucen as fachadas dos nosos edificios agora que están case, case rematadas! O proxecto arquitectónico consigue unha estética combinación de materiais na que a pedra, o cristal e o aluminio conforman unha harmónica imaxe, captada para este post pola cámara do noso fotógrafo.

O equipo de profesionais traballa estes días a todo ritmo para ultimar detalles e colocar na fachada os remates dos faldóns das galerías. O canto do forxado da primeira planta vai en pedra e no resto de plantas leva chapa de aluminio, de cor grafito, con illamento. Vai pregada en forma de “C” aberta cara fóra, de xeito que xere unha liña de sombra á altura dos forxados, un deseño pensado para dar á fachada unha certa horizontalidade.

Tamén estamos de cheo na fase de colocación do terrazo das escaleiras, fabricado pola empresa Daniel Prado, de Poio (Pontevedra). 

A instalación para as entradas de auga fría e quente nas vivendas está tamén rematada, coa vantaxe de que a enerxía de subministro procede de gas natural e dos paneis solares ubicados ao carón dos edificios, unha mestura que vai producir un significativo aforro enerxético.

Comentar