A obra sigue avanzando día a día. Agora estamos na fase da instalación da carpintería exterior, o modelo COR 3000 RPT de Cortizo. http://www.cortizo.com/. Son fiestras con rotura de ponte térmica, un sistema que conleva grandes vantaxes  de benestar e confort, como a redución do consumo enerxético, a minimización da condensación e unha mellora na confortabilidade interior no fogar.

Ao tratarse dunha aleación metálica, o aluminio actúa como condutor térmico trasladando tanto o calor como o frío do exterior ao interior da vivienda. Pero ese fluxo térmico pode verse reducido coa introdución da rotura de ponte térmica (RTP), mediante a incorporación dunha peza de poliamida reforzada con fibra de vidro que actúa como barreira impedindo o contacto entre a cara externa e interna do perfil. Ese é o sistema incorporado ás fiestras das nosas vivendas, cunha carpintería de Cortizo, empresa fundada en 1972 en Padrón (A Coruña), e referente europeo no sector dos cerramentos de aluminio e PVC para a arquitectura. 

O valor da innovación

 

  

 

O departamento de I+D+i de Cortizo deseña máis de 50 sistemas de fiestras, portas, fachadas, panel composite e sistemas de proteción solar de última xeración, entre os que está a serie COR 3000 con rotura de ponte térmica que SIVENVI  Carpintería de aluminio está instalando nas nosas Casas do Amilladoiro.http://sivenvi.com/.

Cortizo é o primeiro fabricante e distribuidor de perfís de aluminio e PVC para a arquitectura en España e Portugal. Está presente en 31 países e conta cun equipo de máis de 2.000 profesionais. No ano 2014 tivo unha produción de 55.634 Tm e unha facturación de 338 millóns de euros.

A empresa completa internamente o ciclo integral de produción do aluminio, asegurando o rigor en cada procedemento e a calidade dos medios e materias ao longo de todo o proceso. Na súas instalacións centrais, en Padrón, conta cun Centro Tecnolóxico, pioneiro en Europa, no que traballa un equipo multidisciplinar de 52 persoas, para o desenvolvemento de novos produtos e a adaptación dos xa existentes ás realidades construtivas e climáticas de cada zona.

 

Non se pode dicir máis con menos. “A obra está empezando a ferver”. Con esta frase tan expresiva resume Bernardo García, o construtor de Casas do Amilladoiro, o momento de construción das nosas vivendas. Tódalas instalacións están en marcha, calefacción, fontanería, instalacións eléctricas, módulo de elevación, recrecidos, revestimentos. Todo vai avanzando segundo os prazos previstos, tal e como nos conta nesta entrevista Bernardo García, que dirixe nesta obra un equipo de entre 25 e 30 profesionais.

Pertences a unha saga familiar de construtores de gran reputación e moi coñecida no Milladoiro, verdade?

Sí somos moi coñecidos aquí, porque tivemos moita presenza no Milladoiro desde o ano 72 e tamén en Santiago, practicamente de forma ininterrompida ata 2010. Agora a construción destas vivendas supón a volta a Milladoiro a facer o que realmente máis me gusta que é construír.

En que se basa a túa reputación profesional?

Pois creo que a profesionalidade foi transmitida polo meu pai,  Vicente García Porto, que foi o fundador da empresa e eu souben entender a súa filosofía. Eu sempre busco facer algo diferente, dar calidade a todos os pasos do proceso construtivo, especialmente a cousas que non están á vista pero que son determinantes para evitar futuros problemas. Gústame impoñerme un estándar de calidade alto e gústame innovar.

O teu apelido está vencellado á innovación en materiais e solucións. Pode ser este un importante elemento diferenciador das túas obras?

Seguro que sí. Sempre fomos pioneiros e fomos marcando tendencia no uso de materiais e novas solucións en obra que despois co tempo foron sendo incorporadas por outros construtores. Xa no ano 87 fomos pioneiros en usar materiais como o polibutileno e determinados illantes. Ese é un signo de identidade que nos produce moita satisfacción.

Pois se che parece, imos falar de como vai a obra, que dis que ferve…

Sí, porque estamos no momento das instalacións e ese é un feito crucial nunha obra, é o máis importante e hai que abordalo cunha gran coordinación. Afortunadamente eu conto no meu equipo con grandes profesionais, excelentes calefactores, fontaneiros, asesores e especialistas en cada un dos pasos e das partes do proceso de construción das vivendas.

Estamos a falar de instalacións eléctricas, fontanería, calefacción, módulo de elevación… son moitas tarefas que esixen ir solapando traballos para simultanear todo do xeito axeitado. Despois toca o revestimento, azulexos, pavimento… O máis inmediato, acabar a carpintería exterior e despois acristalar e sellar. O sellado vai en dúas fases, un presellado interior e despois outro exterior. A carpintería metálica é gris escura por fóra e branca por dentro, para gañar luminosidade e facilitar a decoración. A seguinte fase será a carpintería interior, armarios empotrados e tarima.

O meu obxectivo é rematar o groso da obra en agosto, dous meses antes da data prevista de entrega das vivendas, que é outubro. Así contamos cun par de meses de marxe para comprobar que todo está correcto, preparar toda a documentación, dar de alta as instalacións, etc. E deixar todo listo para que en outubro se ocupen as casas.

Estas son as impresións que nos deixa nesta entrevista Bernardo García antes de voltar ao ritmo trepidante das obras, nas que traballa un amplo equipo de experimentados profesionais. Dende arquitectos, a aparelladores, instaladores, asesores, técnicos en seguridade e expertos en todas e cada unha das áreas. Este equipo é a mellor garantía de que construímos vivendas a conciencia.

 

... Detalles que non se ven, pero que fan a vida máis confortable. O ruído e a contaminación acústica están tan presentes nas nosas vidas que a miúdo, pásannos desapercibidos. No día a día non tomamos conciencia deles, pero sufrimos unha incómoda sobreexposición acústica.

 

O ruído dificulta a comunicación, impide que nos concentremos e contamina o noso tempo de lecer e de relax. Consegue entorpecer calquera actividade cotiá que requira un mínimo de concentración, como cociñar, ler un libro ou ver un programa na televisión. 

 

Coñecemos os problemas derivados do ruido e por iso poñemos os recursos técnicos axeitados para mellorar o confort acústico das nosas vivendas.

Os beneficios do illamento acústico son visibles no día a día. Por exemplo, permítenos un correcto funcionamento das nosas actividades domésticas, manter unha actitude relaxada e, consecuentemente, repercute directamente na nosa calidade de vida e na nosa saúde e benestar.

 

Estamos na fase de ir instalando...

 

  • Lámina de polietileno, instalada no chan, para evitar o impacto de ruídos que os veciños no seu día a día poidan xerar sobre a túa vivenda.
  • Material arredor das chemineas de ventilación, para paliar os ruídos a través dos puntos de ventilación, reducindo a capacidade do metal como transmisor de ruídos.
  • Lámina de polietileno extruído, de celda pechada e estanca, de altas prestacións para o illamento dos ruídos de impacto. Estámolo a usar baixo os recrecidos dos pavimentos para o ruído de impacto, para forrar os condutos de ventilación nas plantas superiores para evitar a transmisión do ruído na proximidade coa saída desas chemineas, e entre os tabiques de ladrillo e os forxados para evitar a transmisión do ruído estrutural.
  • Composto multicapa formado por unha lámina de base bitruminosa de alta densidade e unha manta a cada lado composta por fibras de algodón e téxtil reciclado ligadas con resina fenólica. Estase a instalar nos tabiques dobres de ladrillo para a separación entre as vivendas, co obxectivo de evitar a transmisión de ruídos.
  • Composto bicapa formado por unha lámina elastomérica de alta densidade e unha manta composta por fibras de algodón e téxtil reciclado ligados con resina fenólica. Estámolo a usar nos cruces dos condutos de ventilación cos tabiques de ladrillo para evitar a transmisión de ruído a través destes.

 

 

 

 

Alguén pode imaxinar unha carnicería ou unha clínica veterinaria vestidas de luxo para celebrar o Nadal?. Pois en Milladoiro é posible, porque sete establecementos botan a voar a imaxinación para que o tempo que adicamos ás compras de Nadal sexa un disfrute para os sentidos.

Somentes hai que dar un paseo pola localidade para admirar os escaparates de Cousalinda Moda e complementos; Sigüeiro Milladoiro Carnicería; Hospicán clínica veterinaria; Escaravello moda de muller; Puntadas de marzo modista e mercería; Milvalkirias esoterismo e terapias alternativas; e Arola moda e complementos.

Un derroche de creatividade, luces e cor para disfrutar do Nadal cos cinco sentidos, unha iniciativa coa que estes comercios participan no concurso de escaparates que convoca o Concello de Ames, cuxo fallo farase público o 18 de decembro, con premios de 1.000, 700 e 400 euros.  

Pero amais,  os establecementos competirán polos Premios Especiais do Público. De xeito que, unha vez que teñas claro o teu favorito, podes votalo cos boletos que atoparás no comercio  e que han de depositarse antes do 5 de xaneiro de 2016 nas urnas situadas na Casa de Cultura e Biblioteca.

O local máis votado dos sete a concurso recibirá un talón por valor de 200 euros. E, aínda mellor,  a clientela que decida votar participará no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.

Xa sabes, agora podes participar co teu voto no Premio Especial do Público.

Para que poidas coñecer a decoración dalgún destes escaparates, aquí publicamos algunhas fotos.

                                          (Hospicán clínica veterinaria)                                                                                                                                                            (Cousalinda Moda e Complementos)

 

                                                   (Escaravello moda de muller)                                                                                                                       (Sigüeiro Milladoiro Carnicería)


Hai que ver que dinamismo ten Milladoiro!. Eventos deportivos, actividades culturais e progresivamente novos modelos de negocio para brindar unha oferta de ocio diferenciada, innovadora e de calidade.

Cumprindo estas premisas, vimos de descubrir ‘Moving Logistic Cooking’,  no parque empresarial Novo Milladoiro, unha iniciativa gastronómica localizada na rúa das Hedras que ofrece un espazo compartido arredor da mesa, para facer dunha experiencia gastronómica unha auténtica festa.

MLCooking  organiza sesións de catas, obradoiros e innumerables excusas para reunirse arredor da cociña, compartir habilidades, intercambiar recetas, descubrir trucos, tomar un viño, cociñar en compañía…E despois, a disfrutar da comida!.

En MLCooking chaman a esas experiencias cooking parties, algo así como un obradoiro de cociña participativo, personalizado, unha festa que empeza nos fogóns e continúa na mesa como se estiveses na túa casa coa túa xente. En definitiva, trátase dun xeito de compartir uns momentos gratos neses espazos tan creativos e máxicos que son as cociñas.

As posibilidades son tantas como imaxines. Podes alugar o espazo e organizar todo segundo ti queiras ou podes encargar a MLCooking  que busque un chef a medida dos teus gustos. O espectáculo e a festa están asegurados. Se queres saber máis, entra en www.mlcooking.com/